Dereitos e recomendacións

Atrasos 

Que facer en caso de demora ou suspensión do voo contratado.


Dereitos e recomendacións: Atrasos

O Regulamento (CE) 261/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de febreiro (en vigor dende o día 17 de febreiro de 2005), establece normas comúns sobre compensación e asistencia aos pasaxeiros aéreos en caso de denegación de embarque e de cancelación ou grande atraso dos voos.

O Regulamento non se aplicará se viaxa gratuitamente ou cun billete de prezo reducido que non estea directa ou indirectamente a disposición do público.

O Regulamento 261/2004 aplícase:

No caso de que o voo saia de:

  • un aeroporto comunitario, ou.
  • un aeroporto situado nun país non comunitario -cuxas normas non dispoñan compensacións e asistencia- con destino a un aeroporto comunitario e o transportista encargado de efectuar o voo sexa comunitario.

Sempre que o pasaxeiro:

  • dispoña unha reserva confirmada no voo, dispoñendo dun billete (imprimido ou electrónico) ou doutra proba de que foi aceptada e rexistrada pola compañía aérea e se presente a facturación nas condicións requiridas e á hora indicada previamente e por escrito, mesmo por medios electrónicos (no caso de non se indicar hora ningunha, cunha antelación mínima de 45 minutos respecto da hora de saída), ou
  • fose transbordado do voo para o que dispoñía dunha reserva a outro voo.

E se vexa afectado por un atraso con respecto á hora de saída prevista de:

  • 2 horas ou máis no caso de todos os voos de 1.500 quilómetros ou menos, ou
  • 3 horas ou máis no caso de todos os voos intracomunitarios de máis de 1.500 quilómetros e de todos os demais voos de entre 1.500 e 3.500 quilómetros, ou
  • 4 horas ou máis nos voos non comprendidos nas alíneas anteriores.

O transportista aéreo encargado de efectuar o voo ofreceralle a asistencia indicada na alínea "Dereito a atención" de Sobrevenda, pero unicamente ofrecerá aloxamento en hotel e o transporte entre o aeroporto e o lugar de aloxamento cando a saída prevista do voo alternativo sexa como mínimo ao día seguinte á hora previamente anunciada.

Cando o atraso sexa de 5 horas como mínimo, a compañía ofrecerá ao pasaxeiro o reembolso en 7 días do custo íntegro do billete ao prezo no que se comprou, correspondente á parte da viaxe non efectuada (é dicir, se decide non voar), e á parte da viaxe efectuada, se o voo xa non ten razón de ser segundo o plan de viaxe inicial do pasaxeiro, e, se procede, un voo de volta ao primeiro punto de partida o máis rapidamente posible.

O dereito a compensación por atrasos non está contemplando no Regulamento (CE) 261/2004. Porén, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE), o 19 de novembro de 2009, ditou unha sentenza ante os casos C-402/07 e C-432/07, mediante a cal se pode invocar o dereito a ser compensado economicamente de acordo co previsto no artigo 7 do Regulamento (CE) 261/2004, en determinados supostos de atraso.

Este dereito a compensación producirase cando un pasaxeiro soporte unha perda de tempo igual ou superior a tres horas na súa chegada ao destino final; é dicir, cando chegue ao destino final tres ou máis horas despois da hora de chegada inicialmente prevista polo transportista aéreo.

Por outra parte, os usuarios do transporte aéreo tamén teñen dereito á compensación económica mediante o Convenio de Montreal, o cal establece que unha compañía aérea comunitaria (ou non comunitaria cando realice transporte internacional de acordo co Convenio de Montreal) é responsable do dano ocasionado por atrasos no transporte aéreo de pasaxeiros e, aínda que non existen compensacións económicas automáticas para os pasaxeiros afectados polos atrasos, esta responsabilidade está cuantificada a un máximo de 4.694 dereitos especiais de xiro (DEG) por pasaxeiro.

O Dereito Especial de Xiro é unha unidade definida polo Fondo Monetario Internacional, cuxo valor é a suma dos de determinadas cantidades de varias moedas: dólar USA, euro, ien xaponés e libra esterlina. Pode consultar o valor actualizado en dólares USA na web do Fondo Monetario Internacional: (www.imf.org). A equivalencia en euros encóntrase na web do Banco de España (www.bde.es).

Non obstante, a compañía aérea non será responsable do dano ocasionado por atraso se proba que adoptaron todas as medidas que eran razoablemente necesarias para evitar o dano ou que foi imposible adoptar as citadas medidas.

Para reclamar a devandita indemnización debe dirixirse á compañía aérea. E, en caso de non recibir contestación ou non estar de acordo con esta, pode acudir ante os tribunais competentes.

Preguntas frecuentes

Resolvemos as súas dúbidas sobre o aeroporto e a viaxe en avión.

Ventá nova Solicitar asistencia

Atención telefónica: 902 404 704 / (+34) 91 321 10 00 Persoas con discapacidade auditiva

Síganos en:

  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube